Archives

O IES As Insuas traballa ao redor da resolución pacífica de conflitos

Ven de iniciarse no IES AS Insuas un obradoiro de habilidades sociais e resolución pacífica de conflitos co alumnado de 2º de ESO do instituto, e que pretende ao longo dos vindeiros meses que o alumnado afonde na estrutura e percepción dos conflitos como paso previo para mellorar a convivencia no noso día a día.

Ao longo do obradoiro, o alumnado formarase en torno ás habilidades socioemocionais e as estratexias efectivas para unha solución positiva dos conflitos para as partes implicadas no mesmo, partindo do método “todos gañan”.

O obradoiro será eminentemente práctico e dirixido a desenvolver dun xeito vivencial os contidos e as competencias abordadas ao longo da formación.

Arelar impulsa o deseño e execución técnica do obradoiro que terá lugar no IES As Insuas de Muros ate o 1 de febreiro.

A resolución de conflitos a través do proxecto “Empatiza”

A pasada semana deu comezo o proxecto “Empatiza” dirixido a formación do alumnado de educacion primaria do Concello de Vilagarcía de Arousa á xestión pacífica de conflitos na súa vida diaria.

O proxecto “Empatiza” consta dunha serie de sesións formativas para o alumnado de 5º de educación primaria, coa intención de adquirir ferramentas e destrezas para xestionar satisfactoriamente os conflitos que lle xorden a mozos e mozas na súa realidade cotiá, no ámbito escolar, social e familiar.

Os obradoiros formativos teñen un carácter eminentemente práctico, coa intención de partir de situacións percibidas polo alumnado como conflitivas, e que son o xerme de recreacións prácticas para integrar as habilidades e competencias traballadas ao longo do obradoiro.

O proxecto “Empatiza” é coordinado por Arelar, constituíndo unha ferramenta de apoio moi ben valorada polos centros ao longo destes 3 anos de implantación.

A concellería de Benestar social é a promotora deste proxecto coa colaboración da Deputación de Pontevedra.

A prevención da adicción aos xogos de apostas chega aos institutos Composteláns

Hoxe ven de presentarse en rolda de prensa da man do Concelleiro de Educación e Mocidade do Concello de Santiago, Rubén Prol, o proxecto de prevención da adicción aos xogos de apostas, dirixido á mocidade compostelá, e que se desenvolverá nos institutos de educación secundaria da Cidade.

O proxecto dá continuidade á Campaña lanzada ao longo do ano pasado “Vas picar?” Mocidade libre de apostas” pola Concellaría de Educación e Mocidade e que pretende seguir afondando no traballo preventivo coa mocidade ao redor desta adicción.

Para iso, desenvolveranse ao longo do proxecto actuacións en 3 eixos:

-Obradoiros formativos e de sensibilización ao longo de 3 sesións con cada grupo

-Cursos formativos para o profesorado para unha formacion básica que facilite o seu traballo co alumnado, achegando material didáctico de apoio.

-Potenciar a divulgación de mensaxes preventivas nas redes sociais e páxina web xeradas o ano pasado coa campaña “Vas picar? Mocidade libre de apostas”

O proxecto desenvolverase ao longo deste curso escolar.