Archives

“Voluntariado Miúdo”: Un espazo para compartir experiencias solidarias

Ven de celebrarse o Encontro de alumnado de educación primaria participante no programa “Voluntariado Miúdo” e no que se xuntaron 170 alumnos e alumnas no Albergue Xuvenil da Marina Española (Bergondo) para compartir experiencias e proxectos solidarios que impulsan os diferentes centros nos seus contextos.

O Encontro permitíu dun xeito lúdico e dinámico compartir proxectos, actividades e intereses conectados aos proxectos de voluntariado que impulsa cada centro educativo, de forma que diferentes ámbitos de traballo foron compartidos ao longo da xornada. Deste xeito, a interculturalidade e os procesos migratorios, a diversidade funcional, o medioambiente ou as persoas maiores foron os eixos que definiron os diferentes proxectos compartidos.

O programa “Voluntariado Miúdo” é impulsado pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, e de feito o alumnado tivo a oportunidade de compartir a xornada xunto a Conselleira de Política Social e Xuventude Fabiola García, que puido comprobar de primeira man as diferentes propostas presentadas polo alumnado como protagonistas dos seus proxectos.

Ler máis…

A Adicción ao xogo a debate nos institutos de Vilagarcía de Arousa

Ven de desenvolverse ao longo das pasadas semanas unha serie de obradoiros de “Prevención da adicción ao xogo de apostas”  co alumnado de 4º de ESO dos diferentes institutos de Vilagarcía de Arousa, e que serviron como ferramenta preventiva para identificar os factores de risco e de protección que hai asociados a esta problemática na adolescencia.

Os datos amosan que a mocidade  é cada vez máis vulnerable aos riscos relacionados co xogo e as apostas, o que implica unha necesidade de formar e sensibilizar aos mozos e mozas sobre os riscos das prácticas conectadas coas apostas.

A resposta do alumnado e dos centros ante os obradoiros foi extraordinaria cunha gran receptividade e valorando moi positivamente os contidos abordados e cun alto nivel de participación ao longo dos obradoiros impartidos polos educadores e educadoras sociais de arelar.

O proxecto é promovido pola Concellaría de Benestar Social do Concello de Vilagarcía de Arousa e cofinanciado pola Deputación de Pontevedra.

 

 

En Carreira facemos fronte ao acoso escolar

Hoxe vense de desenvolver unha serie de obradoiros ao longo de toda a mañá co alumnado de educación primaria do CEP de Carreira para a prevención e sensibilización ao redor do acoso escolar. Os obradoiros establecéronse en 3 grupos. 1º e 2º de ed. primaria recibiron un obradoiro sobre as respostas alternativas á agresividade nos conflitos, e o valor da empatía, namentres que os grupos de 3º e 4º de ed. primaria e o grupo de 5º e 6º recibiron un obradoiro de prevención do acoso escolar para aprender a identificar o acoso escolar, e establecer os mecanismos de actuación e prevención principais, tendo en conta os diferentes protagonistas no acoso escolar (vítima, acosador/a e espectadores).

Arelar desenvolveu estes obradoiros froito da inicitativa da Anpa do centro e que previamente recibira formación ao respecto por parte de Arelar.  Deste xeito, as actuacións preventivas tiveron un enfoque máis integral na comunidade educativa.