Archives

EMPATIZA: Unha ferramenta para a resolución pacífica de conflitos nas aulas

O proxecto EMPATIZA é unha proposta que xorde da Concellaría de Benestar Social do Concello de Vilagarcía de Arousa, e que vai dirixida ao alumnado de 5º e 6º de educación primaria para promover a formación ao redor das habilidades sociais e o manexo dos conflitos no contexto escolar do alumnado.

Orixinariamente o proxecto establecía unha serie de sesións formativas presenciais nos 8 centros educativos participantes, pero a aparición da COVID-19 truncou o desenvolvemento deste proxecto no seu inicio aló no mes de marzo.

O proxecto EMPATIZA reformúlase neste contexto tan adverso nun material didáctico de apoio para o profesorado dirixido a traballar co alumnado directamente, e que inclúe metodoloxías experienciais para facilitar o proceso de adquisición das diferentes destrezas e habilidades a traballar.

Ler máis…

Ondas cheas de emoción en Arzúa

Os rapaces e rapazas de Arzúa están a desenvolver ao longo desta semana a través do proxecto “Emotiradio” un programa radiofónico onde a educación emocional e a posta en valor das xentes de Arzúa son o eixo central.

O proceso de traballo está dando como resultado a creación do programa “Que onda!!” no que a aprendizaxe emocional nestes tempos tan convulsos derivados da COVID-19 resulta esencial para a adaptación a esta nova realidade que estamos a vivir.

O programa está a crear contidos moi variados como entrevistas a persoal sanitario de Arzúa, reportaxes sobre o movemento asociativo da vila ou expereriencias nas que xente de fóra de Galicia pousou a súa ollada no rural para emprender un proxecto de vida apegado á terra.

Os contos de compoñente emocional e recomendacións de libros para unha aprendizaxe das emocións en familia son algúns dos contidos máis relevantes.

A creación dun programa radiofónico por parte das crianzas ten múltiples beneficios  no desenvolvemento de competencias cívicas, lingüísticas e socioemocionais.

O resultado final do proxecto será un podcast que ademais será emitido en Radio Arzúa.

Ler máis…

A obra “Urxencias” no ciclo de teatro de Boqueixón

O Clube de Maiores de Boqueixón representou onte a obra “Urxencias” no marco do Ciclo de Teatro de Outono de Boqueixón, no que máis de 120 persoas se deron cita para esta obra que en formato de parodia retrata unha sala de urxencias con personaxes do máis peculiar.

É a cuarta vez que o Clube de Maiores de Boqueixón representa esta peza en Boqueixón e sempre cunha resposta extraordinaria.

Na actualidade o Clube de Maiores xa está a traballar nunha nova peza teatral para estrear o vindeiro ano.

Arelar desenvolve a coordinación técnica deste proxecto teatral cunha clara vocación comunitaria.