Achégase a estrea de “Urxencias”

O Clube de Maiores de Boqueixón están a preparar a obra “Urxencias”,  unha peza coral que a modo de parodia retrata a vida nunha sala de urxencias dun hospital moi peculiar.

Na preparación desta peza teatral participan 26 maiores, que con moito traballo e ilusión están a piques de levar a escena esta obra cómica. O vindeiro 22 de abril será a estrea na Casa da Cultura de Camporrapado.

Outro dos aspectos máis salientables fai mención ao proceso de traballo na construción da peza por parte dos maiores, na que partindo da obra de Suso de Toro, “servicio de urxencias”, establecéronse unha serie de adaptacións, que fixeron o proceso de construción moito máis rico e diverso.

Arelar desenvolve a coordinación técnica deste proxecto de teatro comunitario.

 

“As voces de Conxo” enchen de historia e participación comunitaria cada recuncho do barrio

Ao longo destas semanas o alumnado de 5º e 6º de educación primaria do CEIP Cardeal Quiroga Palacios traballa na creación dun programa radiofónico chamado “As voces de Conxo” que pretende achegarse aos elementos máis resaltables do barrio, outorgando voz propia á veciñanza, ao redor da historia do barrio, o seu patrimonio ou as institucións máis relevantes.

Seguindo esta liña de traballo o programa inclúe contidos vencellados ao propio centro educativo, a historia do barrio, o lavadoiro de Conxo, ou o Centro Sociocultural situado no barrio, entre outros contidos.

Ler máis…

O teatro foro como instrumento para o traballo en valores nos centros educativos da cidade

Ven de presentarse hoxe dende a Concellaría de Mocidade do Concello de Santiago, o proxecto de “Teatro-Foro” que se está a desenvolver como proxecto piloto en 3 centros educativos da cidade (IES Xelmirez I, IES Xelmirez II e IES Pontepedriña).

O obxectivo deste proxecto reside en poder impulsar esta metodoloxía innovadora nos centros educativos como mecanismo para traballar problemáticas socioeducativas desde unha perspectiva transformadora, e de cambio da realidade, construíndo realidades de personaxes perfectamente achegados á realidade, e onde se pode abordar situacións moi diversas vencelladas á violencia de xénero, o acoso escolar, a prevención de drogodependencias, etc…

Ler máis….